Sunday 12 de May de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto de rehabilitación de firmes que inclúe nove rúas da cidade


A Xunta de Goberno local aprobou hoxe o proxecto técnico de “Rehabilitación de firmes de vías urbanas 2023”, que conta cun orzamento de 385.535,10 euros, IVE engadido, e cun prazo de execución de catro meses. Tamén deu luz verde ao expediente de contratación do servizo de dinamización do Espazo Apego cun orzamento base de licitación de 223.686,55 euros. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa a alcaldesa Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín explicou que a proposta do departamento de Obras contempla actuacións en nove vías do ámbito urbano do Concello de Santiago: rúa da Presa, rúa de Pilar Miró, rúa de Campo de Santa Isabel, rúa de Vite de Abaixo, avenida das Burgas, rúa de San Caetano, rúa do Tambre, rúa da Casa da Hedra e travesa da Casa da Hedra. En total, intervirase sobre unha superficie aproximada de 17.780 m2. Ademais, as melloras levaranse a cabo en rúas polas que discorren tramos do Camiño de Santiago ou baixo especial protección.

Con estas actuacións preténdese paliar o deterioro da capa de rodadura das vías e evitar o inminente deterioro das capas estruturais. Para isto, executaranse distintos tipos de traballos: fresado e posterior aplicación de mestura bituminosa, pintado, limpeza de determinados viarios ou saneamento das zonas deterioradas. O proxecto tamén inclúe pequenas actuacións de drenaxe e mellora da seguridade viaria.

Viarios rurais

A Xunta de Goberno local tamén aprobou hoxe a recepción de obras de pavimentación de varios viarios secundarios e interiores en Carlexo e A Braña de Silvouta (Villestro) e San Xordo e a Sionlla (Sabugueira), financiados con cargo ao “Plan provincial de cooperación as Obras e Servizos de competencia municipal POS + Adicional 2/2021 1ª fase” da Deputación da Coruña.

En concreto, este contrato foi adxudicado á empresa Obras y Viales de Galicia SL por un orzamento de 98.420 euros, IVE engadido. Os traballos, cuxa data de remate foi o pasado 7 de xuño, realizáronse no último tramo do vial que une a rúa de Muros coa Braña de Silvouta e noutros dous viais en Carlexo que conectan o núcleo rural coa CP 7802, empregando o sistema de triple rego asfáltico.

Espazo Apego

O executivo municipal tamén deu luz verde ao expediente para o contrato do servizo de dinamización do Espazo Apego ata o 2026, que sairá a licitación cun orzamento base de 223.686,55 euros.

Apego é un programa de dinamización sociolingüística que busca incrementar a porcentaxe de nenos e de nenas entre 0 e 6 anos que reciben o galego desde o berce e que promove e apoia o seu uso na socialización. Trátase dun proxecto no que colaboran varios concellos, entre eles, o de Santiago a través da Concellaría de Normalización Lingüística.

Entre outras funcións, o programa Apego achega información sobre convocatorias, espazos, materiais…, promove actividades que faciliten a socialización e a creación de redes e ofrece recursos e formación aos profesionais que traballan cas nenas e nenos. As actividades deste programa desenvólvense no Espazo Apego, no local municipal da rúa da República do Salvador, 12.